A nova edición de Alimagro celebrarase os días 5 e 6 de setembro de 2026. A feira concentra este ano a súa actividade durante o sábado e o domingo e incorpora importantes novidades para reforzar o seu carácter profesional e consolidarse como unha cita de referencia para a agricultura galega, a maquinaria agrícola e o sector da pataca.
Unha das grandes feiras agrícolas de España
Alimagro mantén como un dos seus principais atractivos unha das maiores exposicións de maquinaria agrícola de España, cunha ampla representación das principais marcas do mercado e as últimas novidades en tractores e equipos para os cultivos. Xunto á exposición exterior, a feira dispón dun espazo interior de casetas dedicado a empresas, produtores, entidades e servizos relacionados co sector agrario. Neste espazo, a gran protagonista volve ser a pataca, o cultivo emblemático da Limia, ao redor do cal se desenvolverán actividades profesionais, gastronómicas e divulgativas.
Como en edicións anteriores, ALIMAGRO contará con máis de 20.000 metros cadrados de exposición e superará as cen marcas representadas, situándose entre as dez maiores feiras españolas do sector.
DEMOALIMAGRO leva a maquinaria ao campo
A principal novidade será DEMOALIMAGRO, unha demostración de maquinaria agrícola en campo que se celebrará o sábado 5 de setembro, entre as 10.00 e as 13.30 horas.
Os agricultores poderán ver traballando en condicións reais tractores e maquinaria para a preparación do chan, seméntaa, a pulverización, o abonado e a recolección de pataca, coa participación das principais marcas do mercado.
DEMOALIMAGRO permitirá comprobar directamente o funcionamento e as prestacións de diferentes equipos, coñecer as últimas solucións de mecanización e achegar as novidades do mercado a agricultores e profesionais.
A auga e a agricultura en Galicia
Como actividade previa á apertura da feira, o xoves 3 de setembro, a partir das 19.00 horas, terá lugar a xornada técnica “A auga e a agricultura en Galicia”.
O encontro analizará a importancia da auga para o presente e o futuro do campo galego. Durante a xornada abordaranse a situación dos regadíos, a dispoñibilidade e planificación dos recursos hídricos, a xestión das comunidades de regantes e as posibilidades que ofrecen a dixitalización e as novas tecnoloxías para mellorar a eficiencia da rega.
Tamén se tratarán a agricultura de precisión, a modernización das infraestruturas, o mantemento e a substitución dos sistemas existentes e os principais retos que afrontan agricultores e regantes. A xornada finalizará cunha mesa redonda sobre o presente e o futuro do regadío en Galicia, coa participación de agricultores e representantes de comunidades de regantes da Limia.
Cata-Concurso Nacional de Pataca
A programación incluirá tamén unha nova edición da Cata-Concurso Nacional de Pataca, que se celebrará o venres 4 ao 19.00 h. e que este ano estreará un formato máis áxil, dinámico e participativo.
As variedades presentaranse de xeito anónimo e sen unha orde previamente establecida. A degustación centrarase en dúas elaboracións, pataca frita e pataca cocida, que se servirán en pequenas porcións e poderán probarse en mesas altas.
Este novo formato permitirá facilitar a participación do público e achegar aos consumidores a diversidade e calidade das variedades presentadas.



